Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Rexeneración en Estados Unidos

Dicir en maio que desde que Trump tomou posesión fai parte das novas diarias e cada vez cunha ocorrencia pior ca anterior, non é unha novidade, mais constatamos que logra o primeiro plano. É frecuente -poderíamos dicir, sen medo a esaxerar, que máis que frecuente é unha pauta de conduta- que despois do anuncio dunha medida imposíbel de implementar, acorde retractarse e chame suspensión a non posta en feito da acción de política económica anunciada. Até agora son máis as voltas atrás que o cumprimento das medidas que vai anunciando que levará a cabo. Mesmo no caso de que fora posíbel reverter cara o interior de Estados Unidos os investimentos estranxeiros, a base de penalizar as importacións, o que se pechou ao longo de dúas décadas -por exemplo 65 fábricas de automóbeis- non é conseguíbel só co desexo e menos dun día para outro. As novas factorías non son improvisábeis, nen os servizos industriais vinculados, así como tampouco a man de obra cualificada.
Hai feitos económicos que non dependen da vontade máis ou menos torcida/atolada dun gobernante e que continúan vivendo na base teimuda do fracaso da súa política:
1º - Os vínculos económicos dos Estados Unidos co resto do mundo son moi fortes. Comercio de mercadorías á parte, existen relacións de investimento directo que unen fortemente os intereses económicos entre eles e o resto do mundo. Cífrase en 6,5 billóns de dólares o valor acumulado do IED (Investimento Estranxeiro Directo) dos Estdos Unidos no resto do mundo. E o resto do mundo en Estados Unidos, un acumulado de 5,3 billóns de dólares. En Europa ese stock de IED alcanza 3,95 billóns de dólares; e Europa en Estados Unidos, 5,4 billóns de dólares. Non sucede así, non obstante, entre os Estados Unidos e China; as cifras non alcanzan os 130.000 millóns de dólares. Mais, e isto é moi importante, China posúe unha porcentaxe estratéxica de bonos estadounidenses.
2º - Outro vínculo económico é o papel da man de obra inmigrante -legal e ilegal- que converte en imprescindíbel a súa presenza para o funcionamento económico normal desa economía. Mesmo parte do crecemento demográfico sostido post-pandemia debeuse á poboación inmigrante. As cifras que se utilizan de inmigrantes sen papeis son de 11 millóns de persoas, unha pequena parte dos que residen con título de cidadáns (arredor de 51 millóns, non nacidos en territorio dos Estados Unidos). As deportacións son parte da campaña de Trump, mais Biden levounas a cabo superando en número ás de gobernos demócratas anteriores. Sempre -historicamente- existe un tirapuxa entre a necesidade de man de obra e a política de integración. O certo é que a man de obra inmigrante é imprescindíbel e resulta mellor se non se compón de cidadáns con todos os dereitos: é máis barata. Non obstante, unha mirada analítica crítica desde este lado do Atlántico permítenos sorrir ironicamente ao escoitar falar en Estados Unidos de inmigrantes: menos os indios, o resto da súa poboación está composta, toda ela, só de inmigrantes, e, que se saiba, aínda non houbo ningún presidente nativo ou de ascendencia nativa. É unha componente estrutural do modelo de crecemento: nas etapas de necesidade, ábrese a fronteira e cando hai problemas de composición da forza laboral ou de integración, péchase. Foi así ao longo da súa historia, vista desde a perspectiva económica.
3º- Hai tráfico comercial que son bens físicos (mercadorías) e tráfico de servizos. Estes aínda non foron enfocados por Trump. A enxeñaría de software, as redes e telecomunicacións, a ciberseguridade, a IA, a análise de datos e metadatos son indispensábeis para levar a cabo actividades habituais e proceden de Estados Unidos. Dixo un rapaz inxenuo: “Hoxe comezo a facer boicote aos produtos norteamericanos: vou pór, en todas as miñas redes, a convocatoria”. Os servizos financeiros, os negocios relacionados coa propriedade intelectual, os intercambios de coñecemento científico, e/ou calquer outro que puidese ser incluído neste apartado, aínda non forman parte dos intereses de Trump, porque unido aos intercambios está unha parte do control de información necesaria para quen pretende seguir de primeira potencia mundial. Un caso concreto: Amazon facturou en España, en 2024, 8.000 millóns de euros, pagou 400 millóns en impostos directos e ocupa 28.000 empregados, repartidos en 40 plantas loxísticas. E Amazon vende tamén produtos españois, ademais de europeos, hindús ou chineses. Tal e como é a economía mundial na actualidade, o só feito de intentar compartimentar (utilizando instrumentos arancelarios do século XIX) é de ignorantes ou ben dun lunático que pensa ser un xenio, autor dunha xogada que non se lle ocorreu a ninguén pero (para el) precursora dun éxito seguro; e, para calquer sensato, un fracaso absoluto.
Vai ser necesario contar coa propria enerxía política dos cidadáns que contestan a Trump. Cremos que só desde o interior veremos a rexeneración. E hai contestación, e moi dura, no interior dos Estados Unidos. A comezos do mes pasado máis de 1.200 concentracións nun número igual de cidades, convocadas polos máis diversos colectivos, encheron as rúas para dicir en alto e claro a Trump o lema “Hands off”.
Antes, senadores demócratas e republicanos manifestaron con diversas medidas de protesta o seu enfrontamento coa política de Trump: Cory Booker falou máis de 25 horas seguidas -bateu un récord- contra Trump. Lisa Murkowski, republicana, leva vencendo a oposición de Trump a que siga existindo como representante republicana de Alaska. A súa historia no Senado inclúe un voto a favor da destitución de Trump pola responsabilidade na invasión do Capitolio o 6 de xaneiro de 2021. Non apoiou a Trump nas primarias e criticou recentemente o trato ao presidente Zelenski. Tamén atacou os recortes na administración que levou a cabo Elon Musk.
A Corte Suprema ten paralisado a aplicación rocambolesca dunha lei de guerra de 1798 utilizada para expulsións de inmigrantes denominándoos “inimigos”.
E a Universidade de Harvard non se deixou intimidar coa supresión de fondos federais que Trump decretou, e o 22 de abril demandou ao goberno de Trump tras a conxelación de máis de 2.000 millóns de dólares e a posta en espera da sinatura de convenios de colaboración. Harvard non é calquer pequena entidade: é a mellor e máis poderosa universidade do mundo. Acumula un fondo patrimonial de máis de 53.000 millóns de dólares. Hai países no mundo con menor PIB anual (por exemplo Bolivia, Paraguay, El Salvador...). 2.000 millóns é unha enorme suma, pero Harvard pode resistir e non está disposta a vender a súa esencia de crear coñecemento nun ambiente crítico por 2.000 millóns de dólares nen por nada. Precisamente ese xesto digno e de resistencia pode alentar condutas que, imitando, se poidan converter en elementos decisivos na rexeneración desde dentro. Non é preciso acudir á memoria do rol da universidade nos anos 70 e a guerra de Vietnam. Ou lembrar que os Estados Unidos perderon aquela guerra. Hai posibilidade desa rexeneración e de botar a un tolo.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
0