Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Falsos ídolos

Pregúntame unha amiga estranxeira se a morte do Papa se deixou notar en Compostela, capital da cristiandade. O meu primeiro impulso é correr a explicarlle que o catolicismo ocupa un espazo cada vez máis exiguo neste parque temático, pero que, aínda que a motivación relixiosa escasea, a cuestión “espiritual” está en alza entre os peregrinos. Por sorte, detéñome a tempo e contesto —nun ton máis seco do que me gustaría— que o certo é que apenas saín da casa dende que morreu Francisco. Primeiro foi o mal tempo, despois o traballo e, quen sabe, se cadra tamén debería admitir que evito o casco histórico da cidade, que habito o seu envés, e por iso non escoitei as campás da catedral tocar a morto. Pero ese é o outro tema.
Nada máis pensar nunha espiritualidade que se prostitúe por visitas, viñéronme á cabeza dous feitos recentes. Primeiro, a publicación en X de Alberto Núñez Feijóo nada máis coñecerse a nova da morte do Papa. Di: “Lamento el fallecimiento del Papa Francisco. El Papa que hablaba español y a punto estuvo de peregrinar a Santiago de Compostela. Ha servido al mundo y a la Iglesia desde sus convicciones y pensamiento hasta el último instante. Descanse en paz”. En detalle, o texto ten basicamente tres partes: na primeira, Feijóo ponse nacionalista español ao máis puro estilo do chiringuito da Oficina do Español de Ayuso; na segunda, fai promoción descarada e innecesaria do Camiño de Santiago; e por último, perdóalle ao Papa o seu radicalismo. Todo ao máis puro estilo do manual corporativo do Partido Popular: Feijóo non foi presidente porque non quixo e o Papa non fixo o Camiño de vivo pero quen sabe se de morto, como en Santo André de Teixido, tal é o poder de convicción da publicidade encuberta, das afirmacións fronte ao espello cada mañá.
A outra imaxe que acudiu a min nestes tempos de rivalidade entre o autobombo político e a pompa eclesiástica, foi o modo en que o arrebato mesiánico pareceu afectar tamén durante a Semana Santa a Alfonso Rueda, cuxo equipo decidiu dotar a celebración do seu aniversario á fronte da Xunta dun aparato que, neste caso, vai máis alá das afirmacións positivas do New Age, e se achega ao culto do goberno norcoreano (a descrición do acto ao máis puro estilo da Igrexa Evanxélica Pentecostal tédela no magnífico artigo que escribiu Pati Janeiro a semana pasada). Absolutamente entregado ao control mediático, eu a Rueda vino un pouco fóra de lugar nese decorado de El diario de Patricia (agora El diario de Jorge) e atreveríame a suxerirlle ao seu séquito que Alfonso quizais estaría máis cómodo protagonizando un destes podcast presentados por rapaces de 14 anos —ou de 30 con mentalidade de 14— que falan de como facerse ricos sen sacar a ESO —porque non serve para nada, o que hai é que nacer con cartos— e conquistar a muller que queiran —a base de ximnasio, levantándose ás catro da mañá e non chorando nunca en público (seguirán os varóns do PP a doutrina gym bro?). Por se acaso esta loucura remata sucedendo, lembren que o leron primeiro aquí.
Aos 16 anos, confirmeime na fe cristiá. Naquela altura sobra dicir que eu era xa ateo —penso que o fun sempre— e que se o fixen foi só para compracer a miña nai —atea tamén— e a miña avoa —un pouco máis atea do que ela pensa. O caso é que agora imaxino as nais e avoas de Rueda ou Feijóo levándoos a confirmarse en Pontevedra ou nos Peares. Quen sabe se tamén elas cunha certa esperanza aspiracional, como fixeran comigo. Como se cumprir cos ritos fose garantía abondo de éxito. Como ameazando a Deus. Quizais foi entón cando estes dous aprenderon que non hai ídolos falsos, senón fieis descontentos ou pouco enganados.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
1