Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Concepto de Industria para o goberno galego

Medio cento de gandeiros, agricultores, apicultores e empresarios de A Ulloa apoiaron en maio de 2024 un manifesto contra Altri
1 de junio de 2025 06:00 h

0

Sen intención de ensinar a quen non quer aprender, permitímonos analisar algunhas cuestións que, sendo elementais nos estudos de economía, son facilmente esquecíbeis e/ou evitadas polos gobernantes, e retorcidas até a falacia polos guionistas dos discursos imperantes a favor dos investimentos de conveniencia colonial. Referímonos á defensa de Altri en argumentos de ‘patacón’ feitos polo goberno galego e tamén polos turiferarios que andan no labor.

Que condicións debe cumprir un investimento para ser denominado industria? Que pertenza a un sector de actividade económica industrial. Mais unha factoría non fai ela só a industria. É unha metonimia identificar factoría con industria.

Que condicións debe cumprir unha industria para poder ser denominada adecuada a un país neste momento da historia? Que cubra as necesidades das actividades económicas existentes, que se incardine nelas e que cree arrastre industrial para favorecer o crecemento desde dentro e, logo, cara fóra.

Son todas as industrias iguais desde a perspectiva do país? No presente e no futuro inmediato? Non: hai unhas claramente de enclave, outras, perfectamente incardinadas e unhas outras de oferta como Altri, plenamente indesexábeis.

Quen é o titular lexitimo dos recursos naturais que se usan nos negocios privados? O titular é o país. Da dotación de recursos existentes débese derivar crecemento harmonioso cun futuro de uso e garda dos recursos dotacionais, xa que non son todos renovábeis e o seu uso require a garda e conservación para xerar unha corrente de renda.

As respostas —longas— a estas cuestións son de dous tipos: unhas, de economía industrial e do rol que cumpre a industria na economía dun país, e outras, de política económica industrial responsabilidade de goberno que adopta os criterios do interese común, sobreenténdese colectivo, no presente e no futuro.

En economía industrial estúdanse, analísanse e indícanse as características das unidades de produción industriais en cada período histórico concreto do desenvolvemento do capitalismo. Industria é a actividade económica transformadora de bens. O ponto de partida é a estrutura industrial dunha economía chamada desenvolvida por ser e ter sido industrial, e desas análises xorden os diferentes modelos de industrialización e de crecemento. Dos diferentes modelos —o británico nacido na revolución industrial, o alemán xestado cunha política económica antiliberal...— hai características comúns que son aplicábeis para calquer programa de industrialización dun país. Teñen en común que se foron desenvolvendo en función da capacidade propria en dominar capital, tecnoloxía e recursos naturais. Non citamos entre estes elementos a disponibilidade de man de obra, xa que, nos diferentes países e nos distintos momentos históricos, sóubose importar forza de traballo (como escravos ou como inmigrantes).

A transformación industrial primeira e necesaria sempre é a de alimentos, seguida pola de bens de uso diario e rematada pola de bens de medios de transporte. E destas primeiras derívanse todas as grandes industrias creadoras de bens de equipo indispensábeis para o funcionamento das primeiras. Alimentación, roupa (tecidos), transporte, enerxía, ferro e aceiro (siderurxia), materiais de construción, papel... van constituíndo unha listaxe non exhaustiva senón sempre dinámica e en crecemento continuo, creando por súa volta procesos de arrastre sobre outros subsectores industriais. Ergo, a primeira cuestión interesante a reter na anotación deste asunto é que cada país, cada economía, foise desenvolvendo segundo a capacidade de decisión política propria e deseñou os seus programas en función dos seus intereses, e non dos alleos: Alemania contra o libre mercado inglés (non lle conviña a súa industria nacente no século XIX); Xapón sendo máis guerreiro que calquer viciño, Estados Unidos de acordo coas súas capacidades e capital (primeiro foi o algodón, industria de algodón) e logo o ferrocarril (con toda a enerxía e siderurxia precisa)...

Non coñecemos nengún país desenvolvido hoxe, con capacidade propria de decidir que non valorara máis esa competencia ou talento que o valor material da súa industria. Os procesos de florecemento (na historia económica das economías desenvolvidas e nas recentes) da industria viñeron derivados das adecuadas decisións de política económica. As valoracións sobre unha instalación industrial non proceden da bondade ou cualidade das plantas industrias posíbeis, senón do interesantes que sexan para se incardinar nos procesos económicos existentes no país. E cada economía é a resultante das decisións tomadas a respeito dos investimentos industriais.

Os recursos existentes en bens naturais deben ser entendidos como resultado dunha dialéctica histórica de construción: acción dos humanos sobre a natureza: como son os soutos e as carballeiras da Ulloa, os ríos e as rías, que, como é sabido, non se poden mercar con euros. Á súa vez eses arboredos responden de certos fenómenos meteorolóxicos que interactúan sobre os restantes recursos agrícolas e orixinan pastos adecuados para un gando vizoso, que deu e pode dar de comer a ducias de miles de persoas. E isto é un proceso dinámico e continúo, mellorábel tamén, con accións propositais de política económica. E aquí entra a industria.

Na Ulloa xa hai industria. Hai un tecido industrial nacido na utilización transformadora dos recursos proprios producidos na zona e hai industria transformadora doutros bens que teñen un carácter totalmente anovador e pioneiro nunha zona que se considera (mal) só agrícola. Para favorecer ao existente precísase un proxecto industrial adecuado e accións certas de política económica a longo prazo, e onde hai boa base, haberá bon desenvolvemento. Convén así mesmo lembrar que unha agricultura e gandaría desenvolvidas como a da Ulloa e comarcas limítrofes constitúen un acervo de riqueza presente e potencial envexábel: é de delito abandonalas ou contribuír á súa desaparición. E aseveramos isto con toda a rotundidade de dicer que unha celulosa non é compatíbel co existente. Non se pode instalar unha celulosa onde se está creando vida porque é simplesmente destrutora da mesma.

Unha fábrica de celulosa hoxe na Galiza é un disparate: Altri non dispón de tecnoloxía avanzada, é anticuada: contaminante, pouco capaz e usadora de grandes cantidades de recursos que se destragan; Altri non ten como empresa capital suficiente; non dispón da tecnoloxía para fabricar a fibra; na Galiza non hai fábricas de papel, polo que produciría para exportar; vai requerir para funcionar seguir no monocultivo de eucalipto; non crea arrastre industrial e destrúe máis recursos dos que xera. Entre dúas fábricas de queixo pequenas xa hai máis postos de traballo dos que creará en funcionamento.

O goberno galego ten un empeño non entendíbel en termos de política económica, e os intereses de grupo ou de negocios particulares teñen o problema da lexitimidade: carecen dela.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats
OSZAR »